Tese

A tese de doutoramento consistirá nun traballo orixinal de investigación relacionado cos campos científico, técnico ou artístico do programa de doutoramento cursado polo doutorando/a.

A tese de doutoramento redactarase, como norma xeral, en lingua galega, castelá, inglesa ou portuguesa, ou no idioma de uso común no ámbito científico, técnico ou artístico de que se trate.

Incluirá, con carácter xeral, resumo, introdución, obxectivos, metodoloxía, resultados, conclusións e bibliografía, así como os informes de valoración da tese do director/a e do titor/a e a relación das publicacións que lle acheguen contidos á tese, incluíndo a descrición da contribución do/a alumno/a en cada unha destas publicacións.

As condicións, procedementos e prazos para a tramitación da defensa da tese de doutoramento na Universidade de Vigo están establecidas no seu Regulamento de Estudos de Doutoramento (modificado en Consello de Goberno de 27 de febreiro de 2020). Toda a información relativa a este procedemento está dispoñible na páxina web da Escola de Doutoramento.

Autorización da tese para a súa defensa

Logo de rematar a elaboración da tese e tras o informe favorable da persoa ou persoas que a dirixen e, no seu caso, do titor/a, o doutorando/a solicitaralle á CAPD a autorización para defendela de acordo co procedemento.

Para iso enviaralle á área académica competente o exemplar da tese e a documentación xustificativa das mencións que non estea xa recollida no sistema.

A escola de doutoramento establecerá o procedemento para verificar que a documentación está completa, que o formato da tese é axeitado e que a orixinalidade da investigación está garantida, para o cal poderá utilizarse un programa antiplaxio.

Unha vez recibida toda a documentación da tese e logo de revisar pola unidade competente que o expediente está completo e correcto, abrirase un período de exposición pública de dez días hábiles en período lectivo.

Cando finalice o período de exposición pública, o órgano designado pola escola de doutoramento valorará a tese tendo en conta o informe da CAPD e as alegacións recibidas, de ser o caso.

Tras a valoración da tese, o órgano designado pola escola de doutoramento decidirá aprobar ou denegar a continuidade dos trámites e asignar no seu caso a área temática de investigación. Despois, valorará o tribunal proposto e aprobarao, e defensa pública realizarase nun prazo máximo de tres meses desde a autorización da defensa, agás as causas debidamente xustificadas.

Tribunal da avaluación

A CAPD, despois de oír o director/a da tese (e/ou de ser o caso, o titor/a), proporá unha relación de sete membros do tribunal para avaliar a tese.

O tribunal encargado de xulgar a tese será nomeado polo órgano designado pola escola de doutoramento entre os/as especialistas propostos pola CAPD e estará constituído por tres persoas titulares e dúas suplentes. Entre os membros do tribunal nomearase un presidente/a e un secretario/a; e todos os integrantes deben cumprir unha serie de requisitos que os faga válidos como avaliadores.

Acto de defensa pública de tese

O presidente/a do tribunal convocará o acto de defensa da tese de doutoramento, e o secretario/a comunicaralle, polo menos con dez días de antelación, o día, o lugar e a hora do citado acto á escola de doutoramento. Esta, á súa vez, informará a CAPD, o/a estudante, o director/a da tese e realizará a publicidade pertinente.

A defensa da tese realizarase nunha sesión pública durante o período lectivo do calendario académico e terá lugar na propia universidade española en que o doutorando/a estivese matriculado ou, no caso de programas de doutoramento conxuntos, nos termos que indiquen os convenios de colaboración.

Os membros do tribunal expresarán a súa opinión sobre a tese e poderán presentar cantas cuestións e obxeccións consideren oportunas, ás que o doutorando/a deberá contestar. Así mesmo, os doutores/as presentes no acto poderán formular cuestións e obxeccións, e o doutorando/a responderá todo isto no momento e na forma que sinale o presidente/a do tribunal.